Constantinopla
Capital do Imperio Bizantino construída por Constantino I sobre a antiga Bizancio e consagrada o 11 de maio do 330. Organizouse segundo a administración e as leis de Roma e axiña se converteu na capital política do Imperio de Oriente, trala división do Imperio Romano (395), e no centro relixioso e intelectual do mundo romano oriental. Viviu o momento de máximo esplendor baixo o Emperador Xustiniano (527-565), quen fixo da cidade o centro do comercio entre Europa e Asia. O pazo imperial, o hipódromo, o Senado, a igrexa patriarcal de Santa Sofía e o foro de Constantino constituían o centro da vida urbana. Os contactos entre o pobo e o emperador producíanse unicamente durante as manifestacións que, con motivos lúdicos, se realizaban no hipódromo. Había catro faccións distintas: branca, vermella, verde e azul, pero só as dúas últimas tiveron importancia. Os verdes (prasinoi), representantes tradicionais do monofisismo e orixinarios dos barrios pobres, recibiron o favor do Emperador Anastasio, mentres Xustiniano protexía os azuis (venetoi), poboación aristocrática de relixión ortodoxa. Despois da revolución de Nika (532), na que ambos os dous grupos se uniron nas súas reivindicacións e que rematou cunha terrible represión, o emperador suprimiu as faccións dos xogos. A cidade entrou nun período de decadencia despois da praga do 542, que chegou ata a guerra civil (602-610), durante a que reapareceron as faccións do circo. O vencedor da loita, Heraclio, pacificou a cidade e limitou as faccións ás súas funcións nos xogos, onde os participantes levaban as cores do seu grupo. Sufriu os ataques dos hunos (558), ávaros (626), árabes (673-677 e 717-718), búlgaros (813 e 913) e rusos (860, 941 e 1043) pola súa importancia política, relixiosa e económica, pero resistiunos grazas á súa situación estratéxica e fortificacións. A chegada ao poder da dinastía dos Comneno (1081) supuxo a concesión aos venecianos do privilexio da exención da alfándega nos portos e nalgúns barrios. Este privilexio, que se estendeu dende comezos do s XII a outros grupos de comerciantes italianos (pisanos e xenoveses), desatou as tensións entre os nativos e os estranxeiros, e deixou o comercio marítimo nas mans dos occidentais durante os ss XII e XIII. A conquista da cidade polos cruzados (1204) e a fundación do Imperio Latino de Constantinopla supuxo a decadencia económica e política da cidade. Foi reconquistada polos bizantinos, dirixidos por Miguel VIII Paleólogo, o 25 de xullo de 1261 e, como consecuencia disto, os venecianos perderon a situación de privilexio na cidade fronte aos comerciantes xenoveses. Os privilexios concedidos a estes non impediron o asentamento de novas colonias de florentinos, cataláns e provenzais. A súa decadencia fíxose máis acusada dende o s XIV, atacada pola Peste Negra (1348-1349) e polas sucesivas epidemias, que xunto coas perdas territoriais do Imperio Bizantino, levaron á cidade a unha situación de dependencia respecto das colonias das cidades italianas, para afrontar a defensa fronte aos turcos. A proclamación da Unión de Florencia (12.12.1452), que establecía a unidade relixiosa dos bizantinos co papado, dividiu a poboación ortodoxa. Nesta situación, Constantino XI Paleólogo tivo que enfrontarse ao asedio dos turcos, dirixidos polo sultán Mehmet II. O 29 de maio de 1453, os turcos apoderáronse de Constantinopla cun ataque que venceu a resistencia dos bizantinos. Iniciouse así unha progresiva islamización das igrexas e da sociedade.